O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROEPLA) do Campus Terra da USC estudou a evolución, entre os anos 2007 e 2015, da distancia entre os puntos de orixe dos incendios e as edificacións, tanto en España como en California. Constatar se a distancia entre o foco de cada lume e as áreas habitadas vaise ampliando ou se, pola contra, co paso dos anos, diminúe, é unha peza clave á hora de asentar políticas efectivas de xestión e mitigación de incendios.
O estudo ‘Analysis of Trends in the Distance of Wildfires from Built-Up Areas in Spain and California (USA): 2007–2015’ demostra que os incendios forestais presentan un patrón aleatorio no caso das causas naturais e de agregación espacial no caso dos lumes de orixe humana.
O estudo que abarca a análise de máis de 100.000 lumes, conclúe que nalgunhas áreas os incendios amosan unha tendencia significativa a comezar máis cerca das zonas urbanizadas. No caso californiano, os datos evidencian que nun 4% do territorio debúxase unha tendencia de aproximación significativa dos lumes ás zonas edificadas, mentres que no caso español, no 10,5% da superficie obsérvase un achegamento importante dos puntos de ignición ás casas.